Escoitar
venres, 13 Maio, 2022

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron a dúas persoas que resultaron afectadas pola inhalación de fume dun incendio declarado no soto dunha casa, no concello pontevedrés de Vilaboa.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o incendio produciuse ás tres desta tarde, cando un morador da vivenda deu a voz de alarma por un lume que comezou no seu inmoble no lugar As Croas. Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos Bombeiros de Pontevedra e do Morrazo, que se desprazaron ata o lugar de inmediato para tratar de atallar as lapas.

Unha vez controlado o incendio, os equipos de extinción confirmaron ao 112 que ardeu parte dun conxelador e leña acumulada ao seu carón. Como consecuencia, dúas persoas que se atopaban no interior do inmoble resultaron intoxicadas e tiveron que ser evacuadas ao centro hospitalario de referencia.

Así, para atender aos feridos, desde o 112 Galicia, tamén se informou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Igualmente, os servizos de emerxencias contaron co apoio dos axentes da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil da localidade.