Escoitar
mércores, 15 Setembro, 2021

Dúas persoas resultaron feridas e tiveron que ser trasladadas, a pasada noite, logo de sufrir senllos accidentes nos concellos de Cerceda e Cuntis.

Por un lado, pasadas as sete e media de tarde, varios particulares informaron ao 112 Galicia dunha colisión entre un coche e unha moto, na que unha persoa necesitaba asistencia médica.

O sinistro tivo lugar na estrada comarcal AC-400 e, do mesmo, foron alertados desde o CIAE-112 os servizos sanitarios, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Ordes e os membros de Protección Civil de Cerceda. Estes últimos, desde o lugar, confirmáronlle ao 112 Galicia que unha persoa tivo que ser trasladada ao centro hospitalario de referencia.

Unha hora máis tarde, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) rexistrou unha saída de vía, na localidade pontevedresa de Cuntis, mediante o aviso dunha persoa particular. Así, indicábase que un vehículo acababa de sufrir un accidente, no lugar de Portela, e que había unha persoa ferida.

Inmediatamente, os xestores do 112 Galicia facilitáronlle os datos ao persoal sanitario, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, ao GES da Estrada e a Protección Civil do municipio.

Finalmente, os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cuntis indicaron que a persoa implicada foi trasladada.