Escoitar
xoves, 22 Xullo, 2021

Unha colisión dun vehículo contra un muro en Barreiros obrigou a trasladar a dúas persoas esta mañá.

Foi un particular quen, ás nove e cuarto, informaba ao 112 Galicia dunha saída de vía na estrada N-643, no punto quilométrico 570. Nesta comunicación advertía ademais de que o coche colidira contra un valado e que había dúas persoas feridas, unha delas un menor.

Así, desde o CIAE 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil de Barreiros e tamén dos Bombeiros da localidade, xa que o alertante aseguraba que o vehículo accidentado botaba fume pola zona do motor.

Finalmente, os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Barreiros confirmaron ao 112 Galicia que as dúas persoas que ían no turismo tiveran que ser trasladadas ao centro hospitalario de referencia.

Ferida unha muller en Muros
Ademais, o 112 Galicia tamén tivo constancia, contra as doce, dunha colisión entre dous vehículos na parroquia de Esteiro, en Muros.

Varios particulares chamaron ao número único de emerxencias 112 para dar conta deste sinistro e, nese momento, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias deron aviso aos servizos sanitarios, á Garda Civil, á Policía Local e ao GES de Muros.

Posteriormente, desde o Grupo de Emerxencias Supramunicipal da localidade comunicaron que a ferida fora trasladada polo persoal sanitario a un centro hospitalario.