Unha persoa resultou ferida de consideración despois de saírse da vía o coche co que circulaba, en Oza-Cesuras.
Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima, tras recibir os primeiros coidados no mesmo lugar do accidente, foi evacuada ao centro hospitalario de referencia no helicóptero medicalizado con base en Santiago.
Foron varias as persoas que contactaron co 112 Galicia, as 15:30 horas, para solicitar asistencia médica urxente para unha persoa que, aseguraron, saíu despedida dun vehículo na estrada de Montesalgueiro a Curtis, concretamente no cruce do Brueiro.
Axiña, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou ao helicóptero medicalizado con base en Santiago para a rápida atención do ferido. Ademais, informouse aos Bombeiros de Betanzos, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos membros do GES de Curtis.
Así mesmo, solicitouse a colaboración do persoal da Axencia Galega de Infraestruturas para recuperar as condicións de seguridade da vía.