Escoitar
sábado, 18 Agosto, 2018

Un home -en cadeira de rodas- resultou ferido onte tras caer por un terraplén. Os feitos ocorrían á entrada do pobo de Vilariño de Conso. 


Así o relatou un particular cando, pasados uns minutos das 20:15 horas, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que vira a un home que circulaba en cadeira de rodas caer por un terraplén. 


Decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias. Do mesmo xeito, solicitouse a colaboración dos membros do GES da Gudiña, da Garda Civil e de Protección Civil da localidade. 
Unha vez rescatado, o varón foi evacuado polos servizos sanitarios de urxencia. 


Dous feridos en Gondomar
Tamén, sobre as 20:15 horas da tarde pasada, o CIAE recibía a alerta dun particular que informaba dun accidente  no termo municipal pontevedrés de Gondomar, á altura do supermercado Froiz, na Ramallosa. Neste caso tratouse dun choque por alcance entre tres vehículos. Nun primeiro momento, segundo o alertante, non parecía que houbese persoas feridas pero, finalmente,  dúas persoas precisaron ser evacuadas. Ademais, un menor que viaxaba nun dos turismos implicados tivo que ser atendido no mesmo lugar dos feitos polos técnicos sanitarios ao sufrir unha crise nerviosa.


Nada mais recibir o aviso, o 112 Galicia informou á Policía Local, ao 061-Urxencias Sanitarias e aos efectivos de Protección Civil. Tamén, os membros do GES de Val Miñor foron informados do accidente.