Escoitar
martes, 4 Maio, 2021

Os servizos sanitarios de urxencia evacuaron esta tarde a un octoxenario ao resultar intoxicado polo fume dun incendio orixinado na cociña da súa casa.

Ocorreu ao fío das 17:30 horas nun domicilio situado na Rúa de Barcelona, na cidade da Coruña. Alí acudiron os bombeiros despois de recibir o 112 Galicia un aviso do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Segundo a información facilitada polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, no interior da vivenda había un home que presentaba síntomas de intoxicación por inhalación de fume, polo que foi trasladado nunha ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña para recibir a atención médica necesaria.

Os Bombeiros da Coruña confirmaron ao 112 Galicia que o incendio foi provocado por unha pota esquecida ao lume.

Cómpre indicar que neste operativo colaboraron, ademais, os axentes da Policía Local. Os membros de Protección Civil da localidade foron igualmente informados por se fose necesaria a súa colaboración.

facebook twitter instagram