Escoitar
sábado, 16 Xullo, 2022

A condutora dun turismo foi evacuada polos profesionais sanitarios, esta tarde, despois de sufrir unha indisposición e saírse da vía co seu vehículo.

Ocorreu preto das tres e media desta tarde na estrada que une Redondela e Vigo, na recta da Formiga, a onde acudiu un equipo médico a bordo do helicóptero con base en Santiago para prestar asistencia sanitaria urxente á persoa.

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente a través dun aviso dos axentes da Policía Local redondelá, xa no lugar, e da chamada dunha testemuña do accidente, que daba conta dun turismo que se fora contra unha silveira, sen chegar a impactar, despois de saírse da vía. A persoa particular aseguraba que había unha persoa no interior que precisaba asistencia urxente.

Decontado, o persoal do Centro integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitou a intervención dos axentes da Garda Civil e dos membros do GES de Mos para colaborar cos profesionais do Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Ademáis, foron informados os voluntarios de Protección Civil da localidade por se fose precisa a súa intervención.

Turismo envorcado
Por outra banda, en Poio, unha persoa resultou ferida ao colidir dous vehículos que circulaban pola Avenida da Toxa, á altura do número 41, sentido Sanxenxo.

O 112 Galicia recibiu a alerta moi preto das catro e cuarto da tarde a través da chamada de varios particulares. De acordo co seu relato, un turismo quedou envorcado na calzada sen poder concretar as causas do sinistro.

Decontado, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Pontevedra, dos membros do GES de Sanxenxo e dos voluntarios de Protección Civil poinse.

Xa no lugar e rematada a intervención, o persoal do GES confirmou que unha muller resultou ferida e trasladada ao centro hospitalario de referencia polo equipo de urxencias médicas, ao colidir tres vehículos, dous circulaban pola estrada e outro aparcado.

Para garantir as condicións de seguridade na vía, desde o 112 pasouse aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e tamén ao servizo de mantemento das estradas.

facebook twitter instagram