Escoitar
xoves, 22 Abril, 2021

O tripulante dunha embarcación pesqueira necesitou a axuda dos equipos de salvamento, na mañá de hoxe, tras sufrir unha indisposición. Os feitos tiveron lugar na zona norte das Illas Sisargas, no concello coruñés de Malpica de Bergantiños.

Ao fío das 10:30 horas, os efectivos de Gardacostas de Galicia contactaron co 112 Galicia para informar da mobilización do helicóptero de Salvamento Marítimo para a evacuación dun pescador indisposto.

Segundo a información facilitada aos xestores do 112, o tripulante sería trasladado ata o Aeroporto da Coruña e necesitaría atención sanitaria urxente.

Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxo a situación en coñecemento do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 co fin de realizar o traslado ata o centro hospitalario de referencia, na maior brevidade posible.

Tamén á cidade da Coruña, concretamente ata o Hospital Juan Canalejo, foi evacuada unha persoa por un helicóptero medicalizado dos servizos sanitarios logo de sufrir unha caída desde un tellado, en Boiro.

Os feitos producíronse no lugar de Pazos ás 11:30 horas e, para dar apoio a aeronave, o 112 Galicia deu aviso aos axentes da Garda Civil e da Policía Local, así como aos membros de Protección Civil da localidade.