Alertas activas:

Escoitar
Unha pota ardendo nunha cociña

Un incendio descontrolado pode chegar a destruír completamente unha vivenda, e poñer en risco a vida das persoas que nela habitan, aínda que por sorte, a maioría de incendios contrólanse e extínguense nas súas fases iniciais.

Desde o 112 Galicia recomendámosche estas accións para evitar que o teu fogar se vexa involucrado nun lume:

  • Instala detectores de fume e monóxido de carbono.
  • Revisa e mantén a instalación eléctrica e de gas, así como o estado dos electrodomésticos.
  • Ten coidado á hora de usar estufas e calefactores.
  • Nunca deixes unha candea acendida sen vixilancia.
  • Recorda sempre apagar despois do seu uso calquera obxecto que poida causar un incendio.
  • Non sobrecargues os enchufes.
  • Evita reparar ou manipular instalacións eléctricas se non tes coñecemento para facelo, desconéctao e deixa que un experto o revise.
  • Limpa aquelas zonas da cociña onde se acumule maior cantidade de graxa ou sucidade.
  • E por último, os produtos de limpeza son sumamente inflamables, nunca deben estar próximos a lugares onde haxa lume.

Todos os consellos anteriormente citados son suficientes para evitar un incendio. Se aínda así se produce, actúa con serenidade e mantén a calma. Moitas das perdas tanto materiais como humanas dos incendios no fogar son producidas por culpa de actuacións precipitadas.

  • Se o incendio é declarado na túa vivenda pecha a porta da estancia afectada e abandona o domicilio.
  • Se hai lume na escaleira, pecha a porta da casa, cúbrea con panos húmidos, e sitúate preto dunha fiestra que comunique co exterior á espera dos servizos de emerxencia.
  • Recorda avanzar gateando e respirar a través dun pano húmido que cubra a túa nariz e a túa boca.
  • Nunca utilices auga para apagar un incendio nun cadro eléctrico, neses casos é recomendable usar os extintores.
  • Antes de abrir calquera porta, revisa se a pechadura ou a porta están quentes. Se o están, ou o fume sae polos bordos, o incendio está do outro lado, así que busca outra saída.
  • Se a nosa roupa prende lume, debemos botarnos ao piso e rodar, á vez que tapamos a cara.
  • Ante un lume producido por gas, antes de intentar sufocalo, débese pechar a chave do gas.
  • Ante un incendio, nunca abras as portas ou fiestras, só conseguirás avivalo. Unha vez o lume estea extinguido, ábreas para airear a estancia.

E ante todo, non o dubides, ante calquera emerxencia chama ao 112. Estamos a tan só tres díxitos de ti.

facebook twitter instagram