Escoitar
xoves, 22 Abril, 2021

Dous condutores necesitaron ser excarcerados dos vehículos que se viron implicados nun choque, onte, no concello coruñés de Arteixo.

Foi poucos minutos despois das dez da noite, cando o 112 Galicia recibiu o aviso dunha colisión que se acababa de producir na avenida Fisterra, á altura da curva de Candame, entre dous turismos. Foron varios os particulares os que se puxeron en contacto co CIAE-112 para alertar de que non vían saír ás persoas dos coches, pero que si escoitaban berros, polo que sospeitaban que precisaban axuda para saír do interior.

Inmediatamente, os operadores do 112 déronlle aviso aos Bombeiros de Arteixo, á Policía Local, aos membros do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Finalmente, a dotación dos Bombeiros de Arteixo desprazada ao lugar confirmoulle ao 112 Galicia que tivo que excarcerar a dúas persoas, ambos os dous condutores dos vehículos implicados no choque. Ademais, engadiron que as persoas foron atendidas, no punto, polos servizos médicos.