Escuchar
martes, 18 Xuño, 2019

Un home  resultou ferido esta mañá ao saírse da vía o coche no que circulaba e chocar contra unha árbore na LU-232, concretamente no punto quilométrico 13, á altura de Friol. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, os servizos de emerxencia tiveron que empregar o material de excarceración para liberar ao varón, que rematou atrapado no interior do turismo accidentado.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través da chamada dunha persoa particular ao fío das 9:45 horas.

Nese momento, o persoal do CIAE 112 Galicia solicitou a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Vilalba e de Lugo. Ademais, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Friol e do servizo de mantemento da estrada.

Colisión entre un camión e un turismo
Por outra banda, en Ferrol, unha muller precisou asistencia médica despois dunha colisión entre un camión e un coche. A ferida, que viaxaba no turismo accidentado, atopábase accesible despois do sinistro.

Ocorreu na Avenida de Esteiro, á altura do número 121, ao redor das 10:10 horas.

Unha persoa particular contactou co 112 Galicia para dar conta do accidente e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia requiriron a actuación do 061-Urxencias Sanitarias e da Policía Local. Tamén informouse do ocorrido aos Bombeiros de Ferrol.