Escoitar
xoves, 28 Novembro, 2019

Unha furgoneta que circulaba pola SC-20 (periférico), en Santiago, precipitouse ao baleiro e un  dos seus ocupantes resultou ferido. Ademais, foi precisa a intervención dos Bombeiros de Santiago para liberar ao ferido, tras quedar atrapado no interior do vehículo.

Ante a sospeita de que houbese mais pasaxeiros feridos, os servizos de emerxencia desprazados ao lugar rastrexaron a zona, sen atopar a ningún outro ocupante. Polo que, segundo informaron os servizos sanitarios de urxencia, só a persoa que foi excarcerada polos Bombeiros foi trasladada ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Ao fío das 20:00 horas de onte, persoal do 061 informaba ao 112 Galicia dunha furgoneta caída ao río desde o periférico, entre Conxo e o Hospital Clínico e, de inmediato, os xestores de emerxencias puxeron en marcha o operativo. Ademais dos profesionais sanitarios e dos Bombeiros de Santiago interviron no mesmo, a Policía Local e os efectivos de Protección Civil da localidade.

Coche envorcado en Santiago
Por outra banda, esta madrugada, outro accidente en Santiago obrigou a intervir aos Bombeiros da cidade. Neste caso, tratouse dun coche que envorcou cando circulaba pola estrada que une Vidán e Conxo, en Vidán,  moi preto do lugar onde ocorreu o accidente citado anteriormente.

Faltaban 15 minutos para as 04:00 horas cando un particular alertaba ao 112 Galicia dun coche envorcado e cunha persoa atrapada no seu interior.

Así, con estes datos, os xestores puxeron os feitos en coñecemento do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros de Santiago que decontado se desprazaron ao punto. Así mesmo, acudiron os axentes da Policía Local e os membros de Protección Civil.

Unha vez liberado o condutor e único ocupante do vehículo, foi trasladado polos servizos sanitarios ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Tres feridos en Lalín
En Lalín, tres persoas resultaron feridas despois de colidir frontalmente dous turismos que circulaban pola N-525, á altura do punto quilométrico 298. Ata o lugar, tras ser alertados polo 112 Galicia, desprazáronse ademais dos servizos sanitarios, os Bombeiros do Deza, os membros do GES de Lalín, os axentes de Tráfico e a Policía Local. Tamén, os xestores de emerxencias solicitaron a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se ocupou das tarefas de limpeza da vía.

Nada mais chegar ao punto, os Bombeiros confirmaron que non foi preciso o uso do material de excarceración para evacuar aos feridos e, aínda que non parecían revestir gravidade, os tres foron trasladados polo persoal sanitario.

O Centro Integrado de Atención ás emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do accidente ao fío das 21:00 horas da pasada noite.