Escuchar
venres, 12 Abril, 2019

Os servizos de emerxencia extinguiron un lume que afectou a dúas casas do lugar de Entrecinsa, en Sabuguido, no concello de Vilariño de Conso. Segundo informaron os membros do GES da Gudiña, que acudiron ao lugar tras ser alertados polo 112 Galicia, ningunha persoa se viu afectada. Ardeu unha delas por completo e a outra –lindeira- resultou afectada en parte.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do mesmo, pasados uns minutos das 10:00 horas desta mañá. Varios particulares alertaban de diversas casas ardendo no pobo.

De inmediato, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos membros do GES da Gudiña, da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil da localidade, que se desprazaron ata o lugar cos equipos de extinción. Ademais, alertaron ao servizo provincial de Incendios, ao haber risco de que as lapas se estendesen ao monte. Así mesmo, puxeron en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias por si nalgún momento fose precisa a súa intervención.

Nestes intres, os servizos de emerxencia continúan no lugar arrefriando a zona.