Imaxe escoitar Escoitar
martes, 22 Setembro, 2020

Un condutor faleceu esta tarde no concello de A Veiga (Ourense) despois de envorcar o camión, de transporte de grava,  que conducía ao paso do lugar de Pradolongo.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso grazas á chamada dun particular, sobre as 17:00 horas, que informou dun camión de grava envorcado nunha curva.

Con estes datos, os xestores do 112 puxeron axiña os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou o helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o punto. Así mesmo, desprazáronse decontado os Bombeiros e membros do GES de Valdeorras, os axentes de Tráfico e da Policía Local, así como, os efectivos de Protección Civil da localidade.

Tras chegar ao lugar, os Bombeiros comprobaron que era necesario a intervención dun guindastre con pluma para levantar o camión e acceder á cabina do vehículo, que quedou  encaixada nunha rocha.

Nada mais puideron acceder á cabina, os Bombeiros e membros do GES procederon á excarceración do home falecido.

A esta hora, os servizos de emerxencia continúan no punto á espera da retirada do camión.

Unha persoa excarcerada en Pereiro de Aguiar
Por outra banda, un choque entre dous vehículos precisou da intervención dos Bombeiros de San Cibrao para liberar a unha persoa que resultou ferida e atrapada no interior dun dos vehículos.

Foi un particular quen, pasados uns minutos das 18:30 horas desta tarde, informou ao 112 Galicia dunha colisión na OU-536, no punto quilométrico 11, en San Martiño de Moreiras. No seu relato, indicaba que podía haber persoas atrapadas.

Así, desde o 112 Galicia, informouse de inmediato ao Servizo de Urxencias Sanitarias  de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de San Cibrao, e aos membros do GES e de Protección Civil da localidade.

Finalmente, tras chegar ao lugar, os Bombeiros confirmaron a excarceración dunha persoa ferida.

 

 

facebook twitter instagram