Escoitar
venres, 13 Marzo, 2020

Un traballador dun taller mecánico en Cambre perdeu a vida esta mañá ao caerlle encima un camión. Os feitos sucederon no lugar da Telva, uns  minutos antes das 11:00 horas.

Nese momento, unha persoa particular alertaba do sucedido ao 112 Galicia. Decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil, da Policía Local e do Servizo Municipal de Protección Civil.

Xa no lugar do accidente, os servizos sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida ao operario.

Golpe cun pau
Por outra banda, en Leiro, un operario resultou ferido de consideración ao recibir o golpe dun pau no peito mentres traballaba no monte. Os feitos sucederon nas proximidades do encoro de Alvarellos, ao fío das 10:20 horas.

Debido á gravidade das feridas do traballador, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou un helicóptero medicalizado ata a zona do accidente, aínda que finalmente o operario foi evacuado nun todoterreo ao Hospital de Ourense.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para dar conta do ocorrido e, acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia se pasou o aviso aos servizos sanitarios, á Garda Civil, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade do Ribeiro e ao GES de Ribadavia.

Traballador ferido
Ademais, un operario resultou ferido ao caerlle unha árbore encima mentres traballaba nunha leira na Fonsagrada. Ocorreu no lugar da Pruída do Vale, na parroquia da Trapa, uns minutos antes das 10:10 horas.

Unha persoa particular contactou co 112 Galicia nese momento e, axiña, o persoal do CIAE 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061,  da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, da Policía Local e da Garda Civil.

Finalmente, o operario foi trasladado ao Hospital de Lugo.

facebook twitter