Imaxe escoitar Escoitar
mércores, 9 Outubro, 2019

Unha motorista perdeu a vida na tarde de hoxe tras colidir o seu vehículo contra un autobús mentres circulaba pola PO-316, á altura do punto quilométrico 3.200, no concello pontevedrés do Grove.

Ás 14:00 horas, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que solicitaba axuda para unha persoa ferida despois de chocar a moto na que viaxaba cun autobús que, no momento do accidente, transportaba pasaxeiros dunha excursión. Segundo a información facilitada aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, a motorista atopábase inconsciente tras o impacto, aínda que liberada e accesible.

De inmediato, desde o 112 Galicia, activouse un operativo que contou coa participación dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Salnés e tamén cos membros do GES de Sanxenxo e de Protección Civil da localidade.

Malia os esforzos dos equipos de emerxencia desprazados ata o lugar do sinistro, nada puideron facer por salvarlle a vida. Os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local encargáronse de restablecer as condicións de seguridade na vía coa colaboración do persoal de mantemento das estradas. A pasaxe puido ser trasladada noutro autobús e ningún dos ocupantes resultou ferido.

Saída de vía en Cangas
Por outra banda, unha saída de vía en Cangas rematou con catro persoas feridas, tres delas menores, ao mediodía de hoxe. O accidente tivo lugar ás 13:00 horas na Avenida de Lugo, próximo a un campo de fútbol.

Nese momento, o 112 Galicia tivo constancia dos feitos tras recibir unha chamada de alerta que indicaba que un turismo saíuse da vía e chocou contra un transformador, o que provocou que a zona quedase sen subministración eléctrica no momento do accidente.

Os feridos foron evacuados polos profesionais sanitarios ata o centro hospitalario de referencia para unha revisión.

Ademais, desde o 112 solicitouse a colaboración dos axentes da Policía Local, dos membros de Protección Civil de Cangas e técnicos da empresa subministradora de enerxía. Os Bombeiros do Morrazo tamén foron avisados por se fose necesaria a súa intervención.

facebook twitter instagram