Imaxe escoitar Escoitar
luns, 4 Xuño, 2018

Unha muller morreu na Peroxa despois de ser alcanzada por un vehículo no lugar da Pousa.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 13:30 horas tras a chamada de alerta do implicado no accidente. Indicaba que a muller presentaba lesións graves e necesitaba asistencia médica urxente.

Deste xeito, desde o CIAE 112, pediuse a colaboración dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, que valoraron enviar á zona o helicóptero medicalizado con base en Ourense, anulado minutos despois cando se confirmou o falecemento da muller. 

Ademais dos servizos sanitarios de urxencia, foron avisados os bombeiros do Carballiño, que descartaron intervir unha vez confirmado que a vítima estaba liberada e accesible.

Accidente na A-55, en Vigo
Á mesma hora, en Vigo, dous turismos colidiron na A-55. A causa do impacto, un dos coches implicados envorcou, aínda que os ocupantes puideron saír sen a axuda dos equipos de excarceración. Non obstante, as persoas necesitaron asistencia médica, polo que, desde o CIAE 112 Galicia, pediuse a colaboración do 061-Urxencias Sanitarias.

Colisión múltiple en Arzúa
Tamén o CIAE 112 Galicia rexistrou ás 15 horas un accidente no que se viron implicados tres vehículos na N-547, ao paso pola localidade coruñesa de Arzúa. Como consecuencia do impacto, unha persoa necesitou asistencia médica e foi trasladada por unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao PAC da vila.

Foi un particular quen contactou ao 112 para informar da colisión que, ademais, complicou a circulación no lugar de Bascuas, onde bateron os tres coches e un deles acabou encaixado nunha marquesiña. Con todo, os ocupantes dos vehículos puideron saír sen a axuda dos equipos de excarceración.  

 

facebook twitter instagram