Imaxe escoitar Escoitar
venres, 21 Xaneiro, 2022

Unha persoa perdeu a vida esta tarde en Vigo despois de ser atropelada por un camión. Os feitos sucederon ás 16:45 horas na estrada de Camposancos, na parroquia viguesa de Coruxo.

Foron varias as persoas particulares quen contactaban co 112 Galicia para dar conta do ocorrido e, nada máis ter constancia, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vigo e dos axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local.

Unha vez no lugar do suceso, os servizos sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida á persoa atropelada.

Atropelo en Cambre
Ademais, unha muller resultou ferida en Cambre ao ser alcanzada por un coche no Paseo Marítimo do concello de Cambre.

Os feitos ocorreron cando pasaba media hora das catro desta tarde. A esa hora, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar do atropelo e, decontado, os xestores do 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local, aos Bombeiros de Arteixo e aos membros do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.

Colisión múltiple
Ademais, unha persoa necesitou asistencia esta tarde despois de bater tres coches en Oleiros.

Concretamente, o accidente tivo lugar no punto quilométrico 5 da AC-12, ás 16:15 horas.

O 112 Galicia recibiu a alerta do choque a través dunha persoa particular. Segundo indicaba na súa comunicación, ningunha persoa estaba atrapada, pero engadía que había feridos.

De xeito inmediato, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, do Servizo de Emerxencias de Oleiros e do servizo de mantemento da vía de circulación.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, a persoa que resultou ferida nesta colisión foi trasladada ao centro hospitalario de referencia.

facebook twitter instagram