Escuchar
martes, 14 Maio, 2019

Unha persoa perdeu a vida esta tarde en Vilariño de Conso despois de ser atropelada por unha escavadora. Os feitos sucederon ao fío das 18:00 horas na estrada que une Castiñeira e Vilariño.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para dar conta do ocorrido e, nada máis ter constancia, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, do GES da Gudiña e de Protección Civil de Vilariño de Conso.

Unha vez no lugar do suceso, os servizos sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida á persoa atropelada.

Trasladado en helicóptero
Un motorista sufriu lesións de consideración ao colidir contra un autobús no concello de Ponteareas.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso as 17:30h desta tarde cando o servizo sanitario de urxencia desprazaba ata a estrada que une Padrón coa localidade de Ponteareas ao helicóptero medicalizado con base en Ourense, no que foi evacuado ata o Hospital Álvaro Cunqueiro debido á gravidade das lesións.

Axiña, ao recibir o aviso, os xestores de emerxencias informaron do sucedido aos membros do GES e Bombeiros de Ponteareas e aos axentes da Garda Civil de Tráfico. Ademais, solicitouse a colaboración do corpo local de Policía e Protección Civil da localidade ourensán.

Unha vez os servizos de emerxencia alí desprazados estabilizaron á persoa, a aeronave trasladouna ao centro hospitalario.