Imaxe escoitar Escoitar
xoves, 3 Maio, 2018

Unha persoa morreu e outra resultou ferida con pronóstico reservado tras producirse un choque entre dous turismos na N-550, ao paso pola localidade coruñesa de Padrón.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro produciuse ás 5:30 horas de hoxe entre A Escravitude e A Picaraña. Como consecuencia do impacto, ambos os dous condutores quedaron atrapados no interior dos vehículos accidentados e foi necesaria a intervención dos bombeiros de Boiro e dos membros do GES de Padrón para liberar ás vitimas e facilitar a súa atención. 

Así, un dos condutores, con pronóstico reservado, foi atendido na ambulancia que enviou ao lugar do accidente o 061-Urxencias Sanitarias, mentres que o outro foi localizado falecido e nada se puido facer por salvarlle a vida.

Este operativo activouse tras recibir no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia a chamada dun particular que solicitaba axuda urxente debido á situación das vítimas, ambas as dúas atrapadas no interior dos vehículos. A partir dese momento, os xestores do 112 mandaron avisos a bombeiros, efectivos do GES, axentes de seguridade e un equipo de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento, que se encargou da retirada dos restos provocados polo accidente e o restablecemento das condicións de seguridade na vía.

Accidente en Verea
Ademais, en Verea, outra persoa tivo que ser excarcerada polos bombeiros de Celanova tras saírse da vía o vehículo que conducía en dirección a Brandeses. Como consecuencia do impacto, a persoa quedou atrapada no interior do turismo e necesitou da axuda dos efectivos de rescate para saír do vehículo e ser atendido polos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias.

Segundo indicaron os servizos de emerxencias ao 112 Galicia, a persoa presentaba unha ferida na cabeza.

O accidente produciuse ás oito desta mañá.

 

facebook twitter instagram