Imaxe escoitar Escoitar
domingo, 24 Maio, 2020

Unha condutora resultou ferida despois de caer co seu vehículo ao areal de Ribeira, no concello coruñés de Fisterra.

Todo sucedeu sobre as 17:15 horas desta tarde cando, a esa hora, varios particulares chamaron ao 112 Galicia para informar dos feitos. Segundo a información facilitada polos alertantes ao 112, o coche saíuse da vía na zona e caeu á praia, preto da auga. Indicaban que había un único ocupante no interior do turismo e que necesitaba axuda para abandonar o vehículo.

De inmediato, desde o 112 Galicia activouse un operativo de rescate que contou coa intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Cee, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e tamén dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Así, tras liberar á muller, os Bombeiros confirmaron aos xestores do 112 o seu traslado ao centro hospitalario de referencia.

Motoristas feridos
Ademais, varios accidentes, dous con poucos minutos de diferencia entre eles e con motoristas implicados mobilizaron tamén esta tarde aos servizos de emerxencia.

Pasados uns minutos das 16:15 horas, un home resultou ferido de consideración despois de sufrir unha caída cando circulaba pola AC-550, concretamente a altura do cruce dun cámping, ao seu paso polo concello de Carnota.

A esa hora, un particular alertou ao 112 Galicia dun motorista tendido na vía, posiblemente, inconsciente. Deseguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitou a colaboración dos profesionais sanitarios, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Igualmente, desde o 112 Galicia informouse do suceso aos membros do GES de Muros por se fose necesaria a súa intervención.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o ferido, finalmente, foi trasladado ao centro hospitalario de referencia.

Uns minutos antes, un particular alertaba ao 112 Galicia doutra caída dun motorista na estrada que conecta Balocos e A Somoza, en Moeche.

Con esta información, desde o 112 Galicia, pasouse aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes da Garda Civil, aos Bombeiros do Eume e aos membros do GES de Ortigueira.

O último dos sucesos sucedeu no concello coruñés de Cabana de Bergantiños.

Todo ocorreu ás 18:15 horas. O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ao recibir a chamada de alerta dos profesionais sanitarios. Segundo a información facilitada aos xestores do 112 o accidente tivo lugar na estrada de vai a Laxe.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, solicitouse a intervención do persoal do GES de Ponteceso, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil da localidade. Así mesmo, o xestores do 112 Galicia informaron aos Bombeiros de Carballo do suceso.

facebook twitter instagram