Escuchar
xoves, 15 Outubro, 2020

Un neno resultou ferido de consideración esta tarde en Pontedeva despois de ser atropelado por un vehículo.

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente ás 16:30 horas a través dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que indicaban que os feitos tiveran lugar na zona da ponte, concretamente á altura da parada de autobuses.

Axiña, con estes datos os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaron o aviso á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade Terras de Celanova, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Celanova.

Cómpre salientar que, para atender ao menor, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou un helicóptero medicalizado ata unha zona próxima ao lugar do accidente, aínda que, finalmente, o neno foi trasladado nunha ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Menor atropelado en Vigo
Ademais, un neno tamén precisou asistencia esta tarde ao ser atropelado por un vehículo na rúa de Joaquín Loriga, á altura do número 35.

Nada máis ter coñecemento do accidente a través dunha persoa particular, ao fío das 17:55 horas, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local, dos Bombeiros de Vigo e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade.