Imaxe escoitar Escoitar
xoves, 22 Novembro, 2018

O condutor dun camión de lixo resultou ferido esta noite en Cambados despois de que o vehículo no que circulaba envorcase na VG-4.3, á altura de Corvillón. Segundo puido saber o 112 Galicia, o home tivo que ser trasladado a un centro médico polos efectivos sanitarios.

Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do accidente ás 3:10 horas.

A partir de aí, os xestores do 112 Galicia pasaron o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Salnés, á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil e ao servizo de mantemento da estrada.

Unha vez no lugar do sinistro, os Bombeiros de Ribadumia confirmaron ao 112 Galicia que o condutor saíra polo seu propio pé do camión, polo que descartaron empregar o material de excarceración para liberalo.

Atropelo a xabarís
Por outra banda, unha persoa tivo que ser evacuada a un centro hospitalario tras chocar o turismo no que viaxaba contra unha manda de xabarís na A-52, á altura do termo municipal ourensán de Ribadavia.

Os feitos ocorreron no punto quilométrico 252 da autovía, sentido Ourense, ao fío das 00:15 horas. Foi a propia persoa implicada no accidente quen deu a voz de alarma ao 112 Galicia e, decontado, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, do GES de Ribadavia e dos Bombeiros do Carballiño.

Xa no lugar do accidente, os efectivos do GES de Ribadavia informaron ao 112 Galicia de que o vehículo chocara con cinco xabarís, que foron retirados da vía por mantemento.

facebook twitter instagram