
Sabemos que a vida universitaria é toda unha aventura, e é unha das etapas máis interesantes, importantes e bonitas que podes vivir. Pero tamén debes ter en conta algúns consellos para que sexa tamén a máis segura. Desde o 112 Galicia recomendámoste os seguintes:
En primeiro lugar, se vas desprazarte a estudar a unha zona de mar, ten en conta algunhas recomendacións para non ter ningún contratempo:
- As ondas son traizoeiras, polo que en condicións meteorolóxicas adversas evitaremos praias e paseos marítimos.
- Nestas mesmas condicións, evita navegar, nadar ou practicar deportes acuáticos.
- Se vas realizar unha actividade marítima, consulta a meteoroloxía e déixate aconsellar polos expertos. Eles son os que máis saben sobre a materia.
E como vas desprazarte ata o teu centro de estudos? Desde o 112 Galicia tamén temos algúns consellos para que estes traslados sexan o máis seguros posibles.
- Se es dos que prefire ir a pé, moito sentidiño co móbil, detente para enviar mensaxes e sé consciente do teu entorno.
- Se, pola contra, prefires ir en autobús, sube e baixa unicamente cando se deteña por completo.
- En coche, pon o cinto de seguridade nada máis subir, e ademais ten moito ollo co tráfico, a hora de inicio das clases adoita coincidir co camiño ao traballo.
- Por último, se es dos que prefire desprazarse en bicicleta, baixa sempre dela para cruzar a rúa e mantente alerta de calquera situación que poida por en risco a túa seguridade ao teu arredor.
Por outra banda, sabemos que ás veces, cando estudamos fóra, trátase máis de sobrevivir que de vivir, e que aínda somos uns novatos á hora de levar as tarefas da casa. Por tanto, tendo en conta estas recomendacións que damos desde o 112 Galicia, podemos evitar que se produzan incendios na nosa vivenda:
- Recorda sempre apagar a cociña cando saias da casa.
- Se queda a pota ao lume, non lle botes auga. Apaga a cociña e utiliza unha tapa ou un pano para afogar as lapas.
- As candeas poden dar un bo ambiente ao noso piso universitario, pero apágaas despois de utilizalas.
- Sabemos o que custa secar a roupa en inverno, pero evita o uso de calefactores, poden prender lume moi facilmente. Algodón e calefacción, mala combinación.
- E, se aínda así, se produce un incendio, mantén a calma e usa o extintor se dispós del. Déixao sobre o chan, quítalle o pasador de seguridade e comproba que funcione. Desde varios metros de distancia ataca as bases das lapas e achégate pouco a pouco.
E por último, pero non por iso menos importante, sabemos que unha festa de vez en cando é necesaria e recomendable. Pero, ante todo, debemos ter sentidiño. Para iso suxerimos:
- Respecta a túa comunidade de veciños, lembra que non estás só no teu barrio ou edificio. Ten sempre en conta as normas de convivencia.
- Afina a vista: ten controladas as saídas de emerxencia cando vaias a algún local.
- Ollo co alcohol. Se bebes, faino de xeito responsable, coida o teu vaso, e non conduzas.
E lembra que aínda estando de Erasmus, o número 112 sirve para avisar dunha situación de emerxencia en calquera sitio da Unión Europea. Estamos só a tres díxitos de ti.