Escuchar
xoves, 26 Marzo, 2020

Un home tivo que ser liberado polos Bombeiros despois de quedar atrapado baixo o tractor que manexaba cando realizaba traballos nunha finca no concello lucense do Saviñao.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o sinistro produciuse no lugar de Quián, na parroquia de Reiriz. Ás 21:15 horas, unha persoa particular contactaba co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) para solicitar axuda. Indicaba que un home quedara atrapado baixo a máquina agrícola que manexaba. De acordo co relato do alertante, o ferido atopábase nesta situación dende as 15:00 horas.

Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Chantada para proceder á liberación do home, que foi trasladado polos  profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao centro hospitalario de referencia.

Ademais dos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento e do equipo sanitario, participaron neste operativo os axentes da Garda Civil. Desde o 112 Galicia avisouse tamén aos voluntarios de Protección Civil do Saviñao por se fose necesaria a súa colaboración.