Imaxe escoitar Escoitar
luns, 16 Xaneiro, 2023

Tan só, desde as doce deste mediodía e ata as seis desta tarde, contabilizáronse 123 incidentes.

En total, desde que os efectos deste temporal se deixaron notar, a partir das 00 horas, o 112 Galicia leva rexistrado un total de 242 incidencias.

As tipoloxías máis repetidas foron as relacionadas coa caída de árbores e pólas nas estradas 119 en total.

Por provincias, na da Coruña, o 112 Galicia contabilizou un total de 127 incidencias, seguidas das 58 rexistradas na de Lugo; 45 na de Pontevedra e, por último 12, na provincia de Ourense.

Malia que non se rexistraron incidencias de consideración, destacamos o derrubamento da fachada dun edificio en obras á vía pública, na rúa de Carlos III, en Ferrol. O 112 Galicia recibía sobre as dúas deste mediodía, o aviso de varios particulares que informaban da caída da fachada dun edificio e dun andamio. Indicaban que non había persoas afectadas pero si aseguraban  que parte da fachada caera sobre un camión.

O 112 Galicia, tras recibir a chamada dos alertadores, informaron aos Bombeiros de Ferrol, aos axentes da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. Afortunadamente, ao tratarse dunha hora de descanso para os traballadores, ningún deles  se atopaba no punto cando sucederon os feitos, aínda así, ata o lugar, desprazouse a Unidade de Cans de Salvamento de Ferrol, para rastrexar a zona e asegurarse de que ningunha persoa quedara entre os escombros.

Finalmente, os membros de CASAGA, tras rematar a súa intervención, confirmaron aos xestores do 112 que non atoparan nada baixo os escombros.

Cómpre recordar que a nosa comunidade verase afectada nas vindeiras horas pola activación de diversos avisos por meteoroloxía adversa. Por iso, pregamos extremar as precaucións.

facebook twitter instagram