Os episodios activados ata o momento por meteoroloxía adversa obrigaron a traballar arreo aos servizos de emerxencia co fin de garantir a seguridade nas vías galegas.
Desde que esta situación adversa se deixou notar na nosa comunidade, o 112 Galicia leva rexistradas mais de 400 incidencias (413) entre as 20:00 horas do pasado día 3 ata as 7:00 horas desta mañá. Afortunadamente, ningunha delas destacada de consideración.
Cómpre sinalar que, maioritariamente, a neve e as placas de xeo nas estradas 236 e a caída de árbores 89 foron as protagonistas desta situación, que obrigou a interromper a circulación tras sorprender a moitos condutores.
Por Provincias, destaca a de Lugo con 150 incidencias rexistradas, seguida a de Pontevedra con 109, a provincia da Coruña con 95 e por último a de Ourense con 59 incidentes.
En canto aos concellos que mais incidencias rexistraron destacan na provincia de Lugo, o concello de Sarria con 10 incidentes, o de Guntín con 8, o de Palas de Rei con 6 e o de Folgoso do Courel con 5. Na provincia de Pontevedra, o concello de Rodeiro leva rexistradas un total de 11 incidencias, 10 o de Forcarei, 8 o de Lalín e 4 incidentes o de Dozón. Na provincia da Coruña, o concello da Coruña rexistrou 11 incidencias, 6 o de Curtis, 5 o de Melide e 3 o de Carballo. Por último, destaca o concello de Lobeira con 4 incidencias e os concellos de Vilamarín, Castro Caldelas e Nogueira de Ramuín con 3 incidencias rexistradas en cada un deles na provincia de Ourense.
Ningún dos incidentes rexistrados causou danos persoais, aínda así, o 112 Galicia destaca a chamada dalgúns particulares que informaban de diversas situacións como foi a chamada dun particular que indicaba que se saíra da vía en Dozón por mor da neve cando circulaba pola EP-6105. O alertante aseguraba que eran necesarios os servizos sanitarios. Ademais, os xestores do 112 informaron aos Bombeiros do Deza, GES de Lalín e aos axentes de Tráfico. O suceso tivo lugar sobre as 20:30 horas de onte. Tamén, preto das 23:30 horas da noite, o condutor dunha quita neves indicaba ao 112 Galicia que acababa de colidir contra un turismo, na N-525, en A Villela, no concello da Mezquita e dúas persoas resultaran feridas. Acudiron os servizos sanitarios, os axentes de Tráfico e os membros de Protección Civil. Na localidade coruñesa de Cerceda, tamén se rexistraron dous accidentes nas últimas horas, a escasos minutos das 08:00 horas de hoxe, producíase unha saída de vía na AC-413, á altura da Silva, o coche envorcou pero, afortunadamente, ninguén resultou ferido. Ademais, sobre as 04:00 horas desta madrugada, na AC-400, á altura de Rodís, tamén un coche se saía da vía e rematou envorcado ao caer por un desnivel. Neste caso, foron necesarios os servizos sanitarios para evacuar á condutora.
Por outra banda, sobre as 6:00 no concello de Baños de Molgas (Ourense) en Almoite, un particular comunicaba ao 112 Galicia que levaban desde as 00:00 sen luz nas casas e na rúa. Informouse ao persoal da compañía de electricidade. Do mesmo xeito, sobre as 08:00 horas, no Saviñao, no lugar de A Ribeira, un particular tamén informaba ao 112 Galicia de estar rodeados pola neve e sen subministro eléctrico. Así mesmo, o 112 tivo constancia sobre 5:00 horas dun derrubamento de pedras moi grandes na N-120, en Melias, no concello do Pereiro de Aguiar, as pedras, segundo o alertante ocupaban ambos os dous sentidos da estrada. Informados os axentes de Tráfico, mantemento da vía, Bombeiros de San Cibrao e GES de Pereiro.
Con todo, desde o 112 Galicia queremos facer un chamamento a todos os condutores para que, na medida do posible, eviten desprazamentos innecesarios mentres as condicións meteorolóxicas non melloren. Así, recordamos neste enlace unha serie de consellos que lles serán moi útiles á hora de emprender viaxe.