Imaxe escoitar Escoitar
venres, 16 Outubro, 2020

O 112 Galicia rexistrou esta noite catro incendios urbanos de diversa consideración en canto aos danos materiais e persoais ocasionados.

En concretro, unha persoa necesitou asistencia médica debido a unha leve intoxicación por inhalación de fume mentres trataba de apagar un incendio declarado na súa vivenda. 

Ocorreu pasada a medianoite na parroquia santiaguesa de Laraño, a onde acudiron os bombeiros da cidade para facer fronte a un lume que comezou na cociña e afectou á campá extractora. Segundo explicaron os efectivos de extinción, o lume orixinouse nunha sartén e foi apagado polo propio particular. Como consecuencia, sufriu unha leve intoxicación por inhalación de fume, polo que foi evacuado ao hospital de referencia nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Arde o 90 por cento dunha casa habitada en Crecente
Sen embargo, os peores danos materiais producíronse a causa dun incendio nunha vivenda de Crecente, na provincia de Pontevedra. Ardeu máis do 90 por cento dunha casa habitada do lugar de As Piñas sen que se rexistrasen danos persoais. Con todo, as perdas son cuantiosas porque, ademais do que arrasou o lume, a estrutura do inmoble quedou completamente colapsada.

Foi un veciño quen, minutos despois das dúas desta madrugada, contactou co 112 Galicia para dar conta do que sucedía nesta vivenda situada á beira da estrada que une Crecente coa Cañiza. Para facer fronte ao lume, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Ponteareas, así como dos membros do GES de Ribadavia. Tamén estiveron en alerta os Bombeiros da Mancomunidade de Terras de Celanova, por se, por algún momento, fose necesaria unha achega extra de auga.

Do mesmo xeito, o persoal do 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento das autoridades locais e dos axentes da Garda Civil. Igualmente, ao punto dirixiuse unha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero todos os ocupantes da casa afectada estaban fóra e en bo estado de saúde.

Unha estufa planta lume nunha viga en Vilar de Barrio
Ademais, en Vilar de Barrio, cando estaban a piques de dar as doce da noite, o 112 Galicia recibiu un aviso por outro incendio urbano no lugar de Vilar de Gomareite. Neste caso, un lume, que comezou nunha estufa, estendeuse por unha viga no interior dunha casa habitada. De feito, foi o propio ocupante do inmoble quen chamou ao 112 para solicitar medios de intervención. Así, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos Bombeiros de Xinzo de Limia, que sufocaron o lume antes de que causase máis danos no interior da vivenda. 

Deste xeito, o afectado foi unha parte de viga e a persoa que estaba na casa atopábase ben.

Arde unha cociña en Burela
Por último, en Burela, outro incendio nunha casa obrigou a intervir aos Bombeiros de Barreiros, que fixeron fronte a un lume que partiu dunha pota e estendeuse á campá extractora e aos mobles do arredor. Por fortuna, ninguén resultou ferido, aínda que un equipo médico desprazouse ao lugar do incendio, situado na Avenida de Arcadio Pardiñas.

Cómpre sinalar que o operativo activouse preto das once da noite despois de recibir o 112 Galicia o aviso a través dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. 

 

   

 

facebook twitter instagram