Imaxe escoitar Escoitar
mércores, 18 Decembro, 2019

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia vén de rexistrar un total de 376 incidencias debido aos fenómenos meteorolóxicos adversos por costeiros, vento e choivas de nivel laranxa que están a afectar a nosa comunidade entre as 00:00 e as 18:00 horas de hoxe.

Por provincias, A Coruña foi a máis afectada con 200 incidencias rexistradas, Pontevedra con 136, seguida de Lugo con 26 e Ourense con 14 incidencias. A caída de árbores e pólas en vías de circulación (132), actuacións de prevencións de risco (64), obxectos varios nas estradas (37), restos de cables da luz e do teléfono nas calzadas (22), Anegamentos en estradas (15) e inundacións en vivendas (12) foron as incidencias que máis se repetiron.

En canto aos concellos,  na provincia de Pontevedra destaca o de Vigo con 34 incidencias, Vilagarcía de Arousa con 10 e O Grove con 7. Na provincia de A Coruña, Carballo alcanzou as 31 incidencias, Muxía sumou 15 e Cee 9. En Lugo, Mondoñedo rexistrou 6 incidencias e Baralla 3 e, por último, no concello de Ourense alcanzáronse 3 incidencias e en Nogueira  de Ramuín 2.

Cómpre destacar que, en Catoira ás 12:05, unha árbore caeu sobre un coche que ía circulando na PO-548, no punto quilométrico 10. Non houbo feridos, só danos persoais.

Ademais, en Fisterra, desbordouse o río Ponteira da Anchoa e inundou dúas vivendas na parroquia de San Martiño de Duio, sen rexistrarse danos persoais. O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través dunha persoa particular ás 17:00 horas e, decontado, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Cee, á Policía Local e a Protección Civil de Fisterra. E, por outra banda, unha vivenda anegouse no lugar de Faxín, en Narón. Foron os bombeiros da localidade os que alertaban do sucedido ao 112 Galicia, uns minutos antes das 17:25 horas. Decontado, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención da Policía Local.

facebook twitter instagram