Escoitar
xoves, 25 Novembro, 2021

Un home tivo que ser excarcerado polos equipos de emerxencia despois de sufrir unha saída de vía co turismo que manexaba e quedar este envorcado, en Boimorto.

Arredor das dez da noite, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha testemuña que alertaba do sucedido, na parroquia de Buazo, ao carón da igrexa. Así, a persoa afirmaba que o turismo estaba envorcado na calzada e co condutor dentro, sen posibilidade de saír.

Nese momento, os operadores do CIAE-112 Galicia déronlle aviso aos Bombeiros de Arzúa, ao persoal sanitario, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil da localidade coruñesa.

Xa no lugar dos feitos, os Bombeiros confirmáronlle ao 112 que excarceraran á vítima, que foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Atrapados baixo un cuberto en Barro
Á mesma hora, no municipio pontevedrés de Barro, dúas persoas necesitaron ser excarceradas do interior do vehículo no que se atopaban logo de derrubarse un cuberto sobre o mesmo.

Foi un familiar dos implicados quen contactou co 112 para solicitar axuda para as persoas atrapadas. Na comunicación, afirmábase que o coche estaba aparcado baixo un cuberto e que este acababa de virse abaixo cas dúas persoas no seu interior.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) notificóuselle o acontecido aos Bombeiros de Ribadumia, aos servizos médicos, á Garda Civil e aos membros de Protección Civil de Barro.

Ao remate das tarefas no lugar, a dotación de Bombeiros desprazada ao punto indicou que liberara ás dúas persoas do interior do turismo e que, por fortuna, resultaron ilesas.