Escoitar
xoves, 23 Setembro, 2021

Afortunadamente, tanto os menores que viaxaban no autobús canto o seu condutor e a monitora resultaron ilesos. Pola contra, si foron necesarios os servizos sanitarios para evacuar ao varón que manexaba a furgoneta.

Ao fío das 15:00 horas desta tarde, o 112 Galicia recibiu unha chamada de alerta solicitando axuda para un home que resultara ferido tras colidir a súa furgoneta contra un autobús escolar na estrada de Cristoble, ao paso pola parroquia de Reádegos, no concello ourensán de Vilamarín. Segundo a información facilitada ao 112, os dez nenos que viaxaban no autobús estaban todos ben, sen embargo, o condutor do outro vehículo necesitaba asistencia sanitaria urxente.

Con estes datos, desde o 112 Galicia informouse decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, de inmediato, comunicou a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar dos feitos.

Co fin de prestar apoio ao equipo médico, desde o 112 púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Carballiño, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Autonómica e dos efectivos de Protección Civil de Vilamarín.

Unha vez no punto, os equipos de intervención confirmaron ao 112 Galicia que foi necesario interromper a circulación na estrada para facilitar as labores de aterraxe da aeronave e tamén da posterior retirada dos vehículos sinistrados.

Finalmente, o ferido foi evacuado en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.

Colisión de tres vehículos en Mos
Por outra banda, tres persoas resultaron feridas e tiveron que ser evacuadas á Clínica Fátima despois de producirse unha colisión múltiple entre tres turismos na A-55, ao seu paso pola parroquia de Tameiga, no concello de Mos, en Pontevedra.

Foi un particular quen chamou ao 112 Galicia para informar dun accidente na estrada de Puxeiros, sentido Vigo, preto das 15:30 horas. Así, os xestores do 112 pasaron aviso aos profesionais de urxencias sanitarias, aos Bombeiros do Porriño, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, aos membros de Protección Civil de Mos e ao servizo de mantemento da vía.