Imaxe escoitar Escoitar
xoves, 24 Xuño, 2021

Os membros do Grupo de Rescate Especial de Intervención en Montaña da Garda Civil rescataron, ás doce do mediodía, o corpo do traballador que perdeu a vida esta madrugada nunha canteira de Carballeda de Valdeorras

O 112 Galicia tivo constancia de que case catro horas despois de que os medios de intervención localizasen o punto no que se atopaba o operario falecido, os axentes da Garda Civil, en colaboración cos Bombeiros e cos membros do GES de Valdeorras, lograron acceder ata o lugar de difícil acceso. Unha pendente de, aproximadamente, 500 metros de desnivel pola que se precipitou o traballador no interior do camión que manexaba.

Os feitos sucederon pasada a media noite e foi un particular quen deu aviso ao 112 de que acababa de ver caer un vehículo pola pendente dunha canteira, no lugar de Castrelos.

Así, desde o CIAE-112 alertouse aos Bombeiros e ao GES de Valdeorras, aos axentes da Garda Civil e aos servizos sanitarios. Ademais, debido ao complicado acceso ata o lugar do accidente, os operadores do 112 tamén informaron a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia, por se fose necesario mobilizar un helicóptero de rescate.

Debido ao risco de desprendemento da área, os labores dos equipos de emerxencias desprazados tiveron que ser interrompidos durante a noite e continuar ao amencer.

facebook twitter instagram