Alertas activas:

Escoitar
luns, 12 Decembro, 2022

O particular, único afectado, viuse sorprendido cando estourou un bidón de aceite que estaba a manipular, provocando un incendio no que arderon diversos bens almacenados no soto. Recibiu asistencia médica no lugar, tralo que acudiría ao centro hospitalario polos seus propios medios.

Poucos minutos antes das 16 horas, o 112 Galicia recibiu a chamada do implicado, quen indicou que estaba ferido e que o lume se orixinara no soto da vivenda cando manipulaba un bidón de aceite. A consecuencia da explosión, sufriu queimaduras na cabeza e no lombo, que nun principio non parecen revestir gravidade.

Os xestores do 112 Galicia solicitaron a colaboración do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, cuxo helicóptero con base en Santiago foi mobilizado aínda que non chegou a tomar terra, dos Bombeiros do Porriño, do GES de Mos e dos axentes da Garda Civil.

Os servizos de extinción actuaron rapidamente para atallar unhas lapas que ameazaban varias bombonas que se atopaban no interior da casa.

Así, mentres o único ferido era atendido polos servizos sanitarios, os Bombeiros de Porriño traballaron na extinción do incendio. O GES de Mos confirmaba ás 17:45 horas que as chamas quedaban apagadas e o lugar ventilado. Así, finalmente arderon diversos bens almacenados no soto da casa, entre os que se contan pezas de vehículos ou leña.

facebook twitter instagram