A árbore de Nadal, algunhas mesas e lámpadas botáronse a perder como consecuencia dun lume, que mesmo chegou a apagarse só.
Así o explicaron os efectivos do parque de bombeiros comarcal do Eume, quen descartaron mediante o uso dunha cámara térmica que ningún foco mal apagado daría un novo sobresalto.
Pasada a unha desta madrugada, unha patrulla da Garda Civil contactou co 112 Galicia para dar conta dun incendio nun establecemento hostaleiro situado na entrada das Fragas do Eume, en Pontedeume. Os axentes solicitaban medios para sufocar o incendio, mentres trataban de atallalo con extintores.
Á súa chegada, os Bombeiros do Eume observaron que o incendio se fora consumindo, pero igualmente utilizaron as súas cámaras térmicas para asegurarse de que ningún foco mal apagado puidese reavivar as lapas.
Con todo, a zona de comedor quedou completamente chea de fume, polo que foi necesario empregarse a fondo na ventilación.
Pola súa parte, os axentes da Garda Civil realizarán as investigacións oportunas co fin de aclarar as circunstancias que deron lugar a esta situación, que, por fortuna, finalizou sen feridos.
Arde un coche e parte doutro nun garaxe en Brión
Ademais, o 112 Galicia tivo coñecemento doutro incendio no lugar do Ruibal, en Brión, no que resultaron afectados dous vehículos gardados nun garaxe. En concreto, ardeu por completo un coche e outro sufriu danos na parte traseira.
Afortunadamente, só houbo que lamentar danos materiais.