Escoitar

Xa está aquí o inverno, coas baixas temperaturas e a inestabilidade meteorolóxica que o caracteriza.

A última estación do ano está marcada polo notable frío: nos fogares, nas rúas, nas estradas... algo que, ademais de deixar fermosas estampas, implica un esforzo pola nosa banda para previr e evitar os riscos destacados deste período.

De cara aos desprazamentos, longos ou curtos, que levemos a cabo no inverno, é esencial ter os vehículos equipados ante os perigos cos que a neve, as xeadas ou mesmo a choiva nos poidan sorprender.

Elementos de sinalización e cadeas, xunto con mantas, roupa de abrigo e certas provisións, son imprescindibles no interior dos coches.

As condicións meteorolóxicas adversas propias de esta época do ano son un factor de risco para a seguridade vial.

Conducir baixo episodios de visibilidade reducida ou sobre o asfalto esvaradío pode supoñer unha situación de risco, xa que aumentan as posibilidades de sufrir un accidente de tráfico.

Para circular con seguridade e evitar perder o control do vehículo cando se forman placas de xeo nas estradas, cómpre levantar o pé do acelerador, sen frear, e suxeitar con firmeza o volante.

Por outra banda, se a néboa condiciona a visibilidade nas vías de circulación, aumentar a distancia de seguridade entre vehículos diminúe o risco de sufrir unha colisión por alcance.