Escoitar
domingo, 26 Setembro, 2021

Os servizos de emerxencias rescataron esta mañá a un home que caeu por un terraplén cando camiñaba pola zona do porto do concello lucense de Ribadeo.

Eran as 07:30 horas de hoxe cando o transeúnte se precipitou por un desnivel e rematou apoiado pola vexetación nunha zona de difícil acceso, o que dificultou o seu rescate e atención. Así, tras recibir a chamada de alerta dun compañeiro que se atopaba no lugar dos feitos, os xestores do 112 Galicia pediron a colaboración dos Bombeiros de Barreiros, que conseguiron alcanzar o ferido e sacalo do lugar para que recibise a asistencia médica necesaria.

De feito, tras o rescate, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trataron de efectuar os primeiros coidados médicos in situ.

Cómpre sinalar que desde o 112 Galicia tamén se puxo a situación en coñecemento dos axentes da Garda Civil, da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil de Ribadeo.