Escuchar
sábado, 25 Xaneiro, 2020

O condutor dunha furgoneta necesitou a axuda dos servizos de emerxencia tras quedar atrapado no interior do seu vehículo en Oímbra, Ourense. O vehículo saíuse da vía na estrada que une as parroquias de Oímbra e San Cibrao e foi necesario o uso do material de excarceración para liberalo.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos servizos sanitarios, o sinistro tivo lugar esta medianoite cando a furgoneta rematou envorcada na cuneta. Debido á posición na que se atopaba o vehículo, o acceso ao condutor víase comprometido.

Nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros de Verín e da Garda Civil de Tráfico.

Unha vez no lugar do accidente, os bombeiros excarceraron ao ferido que puido ser evacuado en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.