O ferido, tras ser excarcerado, foi evacuado polos servizos sanitarios de urxencia.
Unha persoa particular foi quen, sobre as seis e media desta mañá, chamou ao 112 Galicia para informar dun coche envorcado e cunha persoa atrapada no seu interior, na OU-533, no punto quilométrico 42, en Lentellais, ao seu paso polo concello do Bolo.
Así, nada mais recibir o aviso, os xestores de emerxencias pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Valdeorras, aos membros do GES da Veiga, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron a excarceración do ferido e o seu traslado en ambulancia polos profesionais sanitarios.
Un ferido en Celanova
Tamén, media hora antes, en Celanova, outra persoa resultou ferida despois de envorcar co vehículo que conducía e chocar contra outros tres turismos estacionados na Avenida de San Rosendo.
Ata o lugar acudiron, nada máis recibir a chamada no 112 Galicia por parte dos servizos sanitarios, os Bombeiros de Celanova aínda que non foi preciso o uso do material de excarceración, posto que a persoa estaba fóra do vehículo. Así mesmo, tamén foron informados polo 112 Galicia, os axentes de Tráfico, da Policía Local e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade Terras de Celanova.
Condutor atrapado en Coles
Por outra banda, no concello de Coles, tamén se precisou a intervención dos Bombeiros para liberar a un condutor que quedou atrapado no interior do vehículo que conducía despois de envorcar na estrada que une Cambeo con Vilar Chao.
Neste caso, foi unha persoa particular quen, sobre as tres e media desta pasada madrugada, alertou ao 112 Galicia. Indicaba que o seu amigo tivera un accidente e non podía saír do interior do vehículo. No transcurso da chamada, tamén os servizos sanitarios solicitaban ao 112 Galicia medios de excarceración para o mesmo accidente.
A partir de aí, desde o 112 Galicia informouse aos Bombeiros do Carballiño, aos membros do GES de Pereiro de Aguiar, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Coles.
Finalmente, tras rematar a súa intervención, os Bombeiros confirmaron a excarceración do ferido e o seu traslado nunha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Hospital de Ourense.