Escuchar
venres, 14 Agosto, 2020

Os bombeiros liberaron, despois dun complexo rescate, á ocupante dun camión que envorcou na A-52, ao paso pola Cañiza.

O vehículo ía cargado con animais vivos e varios deles quedaron soltos por la vía tras o accidente.

Todo ocorreu ao fío das nove desta mañá cando un camión cargado con porcos vivos saíuse da vía e envorcou sobre a cuneta á altura do punto quilométrico 275 da A-52, en sentido Vigo. No interior do vehículo, ía unha muller que, ao envorcar, quedou atrapada e nunha situación complexa para o rescate, segundo explicaron os efectivos de emerxencias que se desprazaron ao lugar do sinistro tras a chamada de alerta do 112 Galicia. 

Foron varios os condutores que circulaban nese intre pola vía os que facilitaron coas súas comunicacións ao 112 a activación dun operativo centrado, por unha banda, no rescate da ferida e, pola outra, no control e recuperación dos animais soltos na vía. En canto ao cochos, moitos quedaron retidos no camión, mentres que outros andaban ceibos pola calzada ata que os axentes da Garda Civil conseguiron reunilos.

Ao mesmo tempo, os Bombeiros do Baixo Miño e de Ponteareas afrontaban o difícil rescate da ocupante do camión, que, en todo momento, estivo consciente. Sen embargo, o reto dos bombeiros consistía en evitar calquera movemento en falso da cabina do vehículo para non agravar a situación da vítima. De aí, a prolongada actuación dos efectivos de rescate, que, finalmente, liberaron á ferida e facilitaron a súa atención por parte dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. 

Despois de recibir os primeiros coidados, a vítima será trasladada ao centro hospitalario de referencia para tratar as importantes lesións sufridas, especialmente, nun brazo.

Pola súa banda, os axentes da Garda Civil procederon a cortar o tráfico nos quilómetros 270 en sentido Vigo e 282 en sentido Madrid co fin de facilitar os traballos para a retirada dos restos do accidente e o restablecemento das condicións de seguridade na calzada.

Ademais, unha vez rematado o rescate da ferida, os bombeiros pasaron a liberar e recuperar os animais que permanecian retidos no remolque do camión ata a súa recollida.

Cómpre sinalar que os Bombeiros do Baixo Miño e de Ponteareas contaron coa colaboración dos membros do GES de Ribadavia e tamén do persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento.