Unha persoa tivo que ser rescatada logo de saírse da vía e envorcar co vehículo que conducía, na parroquia da Enfesta, no concello de Santiago.
O 112 Galicia recibiu o aviso deste sinistro pouco antes das cinco e media desta tarde a través da chamada de varias persoas particulares. Nestas comunicacións, informábase de que o condutor que envorcara non podía saír do coche e precisaría asistencia sanitaria.
Así, de xeito inmediato, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Santiago, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Nacional e Local e de Protección Civil da localidade.
Cando os medios chegaron ao punto, indicaron ao 112 Galicia que o vehículo quedara envorcado nun noiro. Posteriormente, os bombeiros confirmaron que rescataran o condutor, e único ocupante do vehículo, e que fora trasladado polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.
Un ferido en Ribeira
Tamén esta tarde, ás 17:30 horas, o 112 Galicia tivo constancia doutro accidente en Ribeira e no que unha persoa resultou ferida.
Neste caso tratouse dun turismo que cando circulaba pola Avenida da Constitución, á altura das Abesadas, saíuse da vía e bateu contra o muro dunha vivenda. O seu único ocupante foi trasladado polo equipo sanitario ao Hospital da Barbanza.
Os xestores do 112 nada mais recibiron a chamada de alerta dunha persoa particular, informaron decontado aos profesionais sanitarios, aos Bombeiros de Ribeira, aos membros do GAEM de Ribeira, aos axentes da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade.