Afortunadamente, ninguén resultou ferido neste incendio no que unha vivenda abandonada ardeu por completo, sen afectar a outros inmobles próximos.
Foi un particular quen, dez minutos despois das 2 horas da madrugada, alertou ao 112 Galicia de que ardía a parte superior dunha vivenda na avenida de Romero Ortiz. Varios avisos posteriores informaban de que había casas habitadas nas proximidades.
Rapidamente, os xestores do 112 solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 de modo preventivo, dos Bombeiros de Ribeira e Boiro e dos axentes da Policía Nacional e Local.
O edificio, de dúas alturas e en mal estado de conservación, colapsou por completo. De feito, os servizos de emerxencias procederon a cortar a rúa para atallar as lapas e non podían acceder ao interior debido ao risco de derrubamento.
Contra as 5 horas, os Bombeiros comunicaban que o incendio estaba apagado. Aínda así, explicaban que sairían a realizar comprobacións durante o día de hoxe.