Escoitar
domingo, 26 Setembro, 2021

Unha persoa resultou ferida de diversa consideración tras saírse da vía o vehículo que conducía en Cartelle. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, foi necesaria a intervención dos equipos de emerxencias para poder liberar ao ferido que quedou atrapado no coche como consecuencia do impacto.

Os xestores do 112 recibiron o aviso dun sinistro na estrada que une A Seara e Cartelle moi preto das oito horas da mañá de hoxe. Durante a comunicación, a testemuña do suceso afirmaba que había un ocupante no interior do vehículo que non era quen de abandonalo polos seus propios medios.

Con esa información, desde o 112 pasouse aviso de inmediato ao equipo de urxencias médicas e aos Bombeiros da Mancomunidade Terras de Celanova. De feito, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaron a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar do suceso. Minutos despois, a aeronave tomou terra no lugar dos feitos.

Así, ademais de sanitarios e servizos de emerxencias, o persoal do 112 Galicia solicitou a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Celanova e de Cartelle.