A fuga de amoniaco saldouse sen persoas afectadas nin danos na contorna.
A primeira intervención dos Bombeiros de Viveiro e dos membros do GES de Cervo permitiu bloquear e conter a saída de amoniaco causada polo fallo dunha válvula na sala de frío da factoría de Praia de Lago, en Xove.
Foi o persoal da planta quen, pasadas as oito da tarde de onte, alertou do suceso mediante a súa chamada ao 112 Galicia. Segundo indicaron, a fuga parecía grande, xa que ás portas da sala formábase unha nube branca. Con esta información, os xestores do 112 Galicia pediron a mobilización dos Bombeiros de Viveiro e dos membros do GES de Cervo para deter a fuga e reducir os riscos para o persoal da factoría e para a poboación en xeral.
Así, esta medida preventiva e transitoria axudou a manter baixo control a fuga ata a chegada dos técnicos especializados, que procederon a reparar e subsanar os danos detectados na válvula.
Arden residuos nunha planta de tratamento en Arteixo
Tamén noutra factoría, neste caso, unha planta de tratamento de residuos situada no Polígono Industrial de Morás, en Arteixo, produciuse un incendio no que aínda continuan traballando os bombeiros e membros do servizo local de Protección Civil.
As previsións dos efectivos de extinción son que este incendio se prolongue no tempo debido á carga e ao tipo de material que arde. Non obstante, teñen o lume controlado e sen risco para as persoas nin para as construcións lindeiras.
Sobre este suceso, o 112 Galicia recibiu, pasadas as once da noite pasada, varias chamadas de persoas particulares que vían as lapas desde distintos puntos, tamén desde a saída da AG-55. Así, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxo en marcha os protocolos necesarios para a coordinación e aviso aos recursos de intervención, isto é, Bombeiros de Arteixo, membros do servizo municipal de Protección Civil, axentes da Policía Local e da Garda Civil.
Bastaron estes medios para controlar o incendio, sen embargo, a carga de combustión e as largas horas de traballo requeriu da colaboración dos efectivos do parque comarcal de Betanzos.
Incendio na fachada do colexio de Portomarín
Por outra banda, e no mesmo fío dos incendios rexistrados durante a noite, sumamos un lume en Portomarín, que comezou nuns cables da fachada entre o colexio e o albergue municipal. A situación xerou alarma entre os veciños, que rapidamente chamaron ao 112 Galicia pasada a unha desta madrugada.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediuse a intervención dos Bombeiros de Chantada e os membros do GES de Monterroso. Tamén o Concello de Portomarín dispuxo os medios municipais para poder atallar o lume, que, finalmente, chegou a afectar ao tellado.