Escoitar
sábado, 30 Maio, 2020

Un pescador tivo que ser rescatado polos servizos de emerxencia na noite de onte ao verse en apuros nunha zona próxima ao río Miño en Chantada, Lugo. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, o varón estaba fóra da auga, debaixo da Ponte Nova, nun lugar de difícil acceso.

O rescate foi posible grazas ao uso  dalgunhas cordas e arneses empregadas polos servizos de emerxencia para suxeitar e izar o home que se atopaba nunha rexión vertical do encoro de Belesar.

Todo comezou ás 21:00 horas cando un particular chamou ao 112 Galicia para solicitar axuda para un amigo con dificultades para abandonar a zona lucense do río Miño onde estivo pescando. No seu relato, o alertante informaba que debido á corrente e ao crecente caudal do río, o seu compañeiro non era quen de saír polos seus propios medios.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, púxose en marcha un operativo que contou coa intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Chantada e dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Tras finalizar o rescate, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento confirmaron ao 112 que, aínda que o pescador estaba algo atordado pola situación, non necesitaba asistencia médica.

Para colaborar no operativo, desde o CIAE tamén pasouse aviso aos voluntarios de Protección Civil de Chantada.

Veleiro remolcado en Moaña
Por outra banda, os servizos de emerxencia de Moaña realizaron o remolque dunha embarcación na parroquia de Santa Eulalia de Meira, tamén na pasada noite, sen rexistrar danos persoais.

Ao fío das 21:05 horas, un particular contactou co 112 Galicia para informar que unha embarcación necesitaba axuda para atracar ao quedarse sen goberno.

Así, desde o 112 pasouse aviso de inmediato ao equipo de Salvamento Marítimo que desprazou ata o lugar á embarcación Salvamar Mirach para remolcar o veleiro ata o peirao de Moaña.

Cómpre sinalar que o operativo tamén contou coa participación do Servizo de Gardacostas de Galicia e dos axentes da Garda Civil.

facebook twitter