Un incendio, orixinado a pasada noite no interior dun barco en Moaña, implicou a mobilización de diversos equipos de intervención para levar a cabo a extinción das lapas.
Arredor das 22:30 horas, o 112 Galicia recibiu varias chamadas de persoas particulares que vían lume nun barco fronte ao porto de Meira, no estaleiro da Xunqueira.
Nese mesmo momento, os operadores do CIAE-112 Galicia remitíronlle a información aos Bombeiros do Morrazo e aos axentes da Garda Civil e da Policía Local. Ademais, tamén foron alertados os Bombeiros dos parques de Vigo, Ribadumia e Porriño e os membros de Protección Civil de Cangas, así como Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Autoridade Portuaria e os servizos sanitarios, por se fose necesaria a súa intervención.
Poucos minutos despois, a patrulla da Policía Local de Moaña confirmáballe ao 112 , desde o punto, que o barco afectado polo lume estaba no mar, amarrado a outra embarcación máis pequena que podía correr perigo.
Ás primeiras horas da madrugada, logo de traballar arreo no lugar, os medios de extinción comunicáronlle aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) que o incendio estaba completamente sufocado e que o lume, extinguido tanto polos equipos desde terra como desde o propio mar, afectara a un barco e a unha embarcación menor, tipo planadora, que quedaron amarrados na zona. Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais e, coa finalidade de previr o risco de derrames contaminantes ao mar, despregáronse barreiras de contención, na área de intervención.
As forzas da orde, pola súa banda, tratan de esclarecer as causas do suceso.