Os servizos de emerxencias acudiron esta mañá a Caldas de Reis onde un home resultou ferido ao envorcar o tractor que manexaba.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o accidente produciuse pasadas as dez desta mañá no lugar de Aboi, na parroquia caldesa de Santo André de Cesar, cando un tractor envorcou sobre unha fosa e o condutor quedou debaixo do vehículo agrícola. Pese ao impacto, o home puido ser liberado de inmediato sen a necesidade de empregar o equipo de excarceración debido a que tiña a maior parte do corpo fóra agás parte das pernas. Finalmente, foi evacuado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.
Na atención do operativo participaron os Bombeiros do Salnés, os membros do GES de Valga e os voluntarios de Protección Civil da localidade, aínda que bastou con mover un pouco o tractor para liberar ao condutor.