Imaxe escoitar Escoitar
venres, 12 Xullo, 2019

Os servizos de emerxencias recuperaron o corpo sen vida dun home duns setenta anos que foi localizado na auga, a carón do peirao de Aguiño, en Ribeira.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ao fío da medianoite a través da chamada de alerta dun veciño. Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediu a colaboración das forzas da orde e dos membros do grupo local de emerxencias co fin de rescatar o corpo que apareceu flotando na auga.

Ademais, os feitos puxéronse en coñecemento dos equipos de Salvamento Marítimo, que dispuxeron a embarcación Sargadelos para recuperar o corpo. Sen embargo, foron os axentes da Policía Nacional quen sacaron o corpo da auga e investigan as circunstancias que rodearon o suceso. 

Outro suceso en Ribeira
Minutos antes, tamén en Ribeira, o 112 Galicia rexistrou este noite outro suceso. Neste caso, un accidente de tráfico na Rúa Manzanares que se saldou cunha persoa ferida. Tratouse dun turismo que bateu contra outro que estaba estacionado e, aínda que nun primeiro momento, parecía que o ocupante estaba atrapado, finalmente puido saír do vehículo coa axuda dos veciños.

Igualmente, necesitou asistencia médica, polo que desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias. Tamén pediuse a colaboración das forzas da orde co fin de coñecer como sucederon os feitos.   

facebook twitter instagram