Escuchar
mércores, 14 Agosto, 2019

Os servizos de emerxencias rescataron esta tarde a unha persoa que resultou ferida ao caer por unha fervenza do Río Soldón, no concello lugués de Quiroga.

Foi o propio afectado quen, ás 18 horas, contactou co 112 Galicia para pedir axuda despois de precipitarse pola fervenza e caer na auga.

Desde ese punto chamou ao número de emerxencias para sinalar a súa localización, nunha zona de difícil acceso, e solicitar asistencia médica debido a un golpe que tiña na cabeza. Así, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediu a colaboración dos servizos médicos e dos Bombeiros de Monforte, así como dos axentes da Policía Local e Garda Civil, dos membros do GES de Quiroga-Folgoso do Courel e de Protección Civil da vila.  

Para cando os bombeiros efectuaron o rescate, un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense atendía ao ferido.