Imaxe escoitar Escoitar
venres, 2 Agosto, 2019

Segundo rescate nas praias baionesas na tarde de onte. Despois da menor que sacaron da auga con síntomas de afogamento en Barbeira, contra as oito da tarde de onte rescataron a un bañista en apuros na desembocadura do Miñor, no areal de Ladeira. Por fortuna, unha embarcación da Cruz Vermella recolleu ao home e levouno a terra en perfecto estado de saúde.

Desde a costa, unha persoa decatouse dos seus sinais de auxilio e rapidamente se puxo en contacto co 112 Galicia. Quen chamou ao servizo de emerxencias indicou que o bañista parecía ser arrastrado pola corrente e necesitaba asistencia urxente. Deste xeito, os xestores do 112 Galicia informaron aos socorristas da Praia Ladeira, así como aos equipos de Salvamento Marítimo e axentes da Policía Local. Ata a zona, tamén se achegaron algunhas embarcacións, entre elas, unha lancha da Cruz Vermella, que finalmente trasladou á persoa a terra. 

Debido ao seu bo estado de saúde, descartouse a intervención dos servizos sanitarios de urxencia, que agardaban na zona por se fose necesaria a asistencia médica. 

Barcos varados na Illa e O Grove
Por outra banda, a Ría de Arousa tamén foi escenario onte de dúas incidencias provocadas polo varamento de dúas embarcación sen que se rexistrasen persoas feridas.

Primeiro, na Illa de Arousa un barco con oito persoas a bordo quedou embarrancada nas proximidades da Toxa, polo que necesitou ser remolcada ata o Porto Deportivo da Toxa. Á zona acudiu a Salvamar Sargadelos tras recibir o aviso do 112 Galicia cando estaban a piques de dar as oito da tarde. Sen embargo, descartou intervir en canto comprobaron que o barco embarrancado estaba sendo remolcado por outra embarcación.

Máis tarde, no Grove, pasadas as nove da noite, os membros do servizo local de Protección Civil acudiron á Praia de Area Grande para recoller tamén unha embarcación que quedou sen motor.

 

facebook twitter instagram