Escuchar
sábado, 30 Maio, 2020

Un motorista foi evacuado ao Hospital Álvaro Cunqueiro na tarde de hoxe ao caer desde unha ponte próxima a rotonda de Navia, en Vigo. Segundo a información facilitada polos particulares que contactaron co 112 Galicia, o varón caera nunha zona de terra nas inmediacións do río Lagares e parecía necesitar asistencia médica urxente.

Este é o segundo accidente destas características rexistrado polo 112 Galicia nas últimas 24 horas. O primeiro tivo lugar na Coruña e o ferido tamén necesitou a axuda dos servizos de emerxencia ao precipitarse desde outra ponte.

Nada máis ter constancia dos feitos, ás 17:30 horas, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) solicitou a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros de Vigo.

Unha vez no punto, os efectivos do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento tratou de rescatar o ferido para que o equipo médico puidese realizar o seu traslado ao centro hospitalario.

Para garantir as condicións de seguridade na vía, desde o 112 informouse igualmente aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, ben como aos efectivos de Protección Civil de Vigo.